strict warning: Declaration of views_plugin_style_default::options() should be compatible with views_object::options() in /var/www/vhosts/baleiro.org/httpdocs/sites/all/modules/views/plugins/views_plugin_style_default.inc on line 0.

AC Fase

A Asociación Cultural Fase é un colectivo formado por músicos coruñeses que ten como fin primordial a difusión e o fomento da música experimental en Galicia. Busca expandir as nocións existentes da mesma, traballar con ideas e formas aínda non desenvolvidas suficientemente no ámbito musical e experimentar activamente con elas na busca de novos estímulos que poidan reorganizar os seus conceptos artísticos. 

Alg-a

Alg-a é unha comunidade de arte e acción libre. Podes ler o seu manifesto-faq aquí. Gostamos particularmente da frase en que explican de onde saen: O nome de Alg-a fai referencia ao contexto no que naceu a comunidade, e ao contexto no que habita. A toda unha masa de vida que existe baixo a superficie visible. Menospreciada e gostada só por unhas poucas/poucos. As colaboracións con parte da comunidade alg-a afianzáronse desde a I Feira Imaxinaria Contemporánea, que se celebrou en setembro de 2010 no Alg-a Lab en Valadares, Vigo. No contexto desta feira tivo lugar un dos encontros de Evasión ou vitoria.

Área de Cultura da USC

Desde a Área de Cultura da Vicerreitoría de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade da USC ofrécense distintas programacións, prestacións e servizos de carácter cultural aos membros da Comunidade Universitaria. As liñas de actuación da Área de Cultura e os contidos das mesmas son a produción e difusión cultural, impulsar tarefas de formación e xestionar as infraestruturas culturais da USC.

Atalaia

Atalaia. Arte contemporánea en Galicia é unha iniciativa para internet da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas -dentro da estrutura do Consello da Cultura Galega– aloxada no dominio www.culturagalega.org para ofrecer aos usuarios unha achega informativa e o máis global posible do contexto artístico actual en Galicia. Baleiro colabora na xestión de contidos desta base de datos.

Culture Workers

Tal e como reza o seu blogue, Culture Workers é un colectivo impersoal adicado á in(ter)vención teórica e técnica nas relacións de poder e producción artística da súa entorna para inventar en común uns outros modelos de traballo, transmisión de coñecemento e capacitación estética. Detrás de Culture Workers está principalmente Ania González, coa que coincidimos neste encontro organizado pola revista Tempos Novos, a finais do 2009. Dende aquela mantemos unha frutífera colaboración, sobre todo a través do proxecto Evasión ou Vitoria, que redactamos en común, ou a articulación de GZImaxinaria, unha rede cooperativa de produción cultural experimental a nivel galego (aínda en cernes).

Diacrítico

Neste blogue Adrián Hiebra realiza unha precisa disección do mundo da arte, a filosofía e a difusión do coñecemento. Colaborador de Baleiro desde a súa mesma fundación, ten impulsado actividades que atenden á relación entre tecnoloxía e creación contemporánea.

Ergosfera

Ergosfera é unha asociación vinculada á Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña. Aínda que sabiamos do seu traballo desde hai tempo, coñecémolos máis de cerca desde as entrevistas que realizamos para o documental Arte + Espazo Público, nas que participan. Podedes seguir a súa actividade a través do seu blogue.

FAC Peregrina

FAC Peregrina (Furancho de Arte Contemporánea) é un espazo proxecto artístico autoxestionado que xorde da necesidade dun lugar intermedio (nin comercial nin institucional) para a arte. Situado na contorna rural que é Galicia, fai uso das estratexias de recuperación e construción funcionais e estéticas propias do medio, vencéllase conceptualmente a elas e adopta a forma de Furancho, un lugar para o social e o intercambio directo construído cos materias que xa hai na casa onde dar saída ao excedente da produción vinícola propia. Como proxecto, FAC Peregrina é tamén unha clara declaración de intencións, unha toma de posición e unha decidida acción fronte ao descrédito e ao descontento co actual desenvolvemento do sector profesional das artes en Galicia.

Máster en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas

O Máster en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas da USC céntrase no ámbito do coñecemento específico da arte das últimas décadas, abarcando desde aspectos conceptuais e críticos, ata a práctica do mundo dos museos e a xestión da arte contemporánea. Está orientado a todos aqueles que queiran formarse como profesionais especializados no mundo da arte contemporánea: crítica, museos, centros de arte, galerías. En Baleiro colaboramos nas tarefas de comunicación do máster a través de artecontemporaneo.org.es.

O Teatro Resoante

O Teatro Resoante é un proxecto de innovación pedagóxica que pensa a diferenza entre teoría e Espectáculo, postúlase como un Laboratorio das Subxectividades e trata de contraefectuar o Imperio do Simulacro e a Visibilidade a través dunha noción ampla de tecnoloxía e a capacidade de alta definición da imaxe. Traballan coas artes escénicas e visuais, a danza contemporánea e programación en tempo real. Desenvolven a potencia larvaria da tradición entre Hermética e Hermenéutica multimedia a través de pautas de Filosofía-Teatro, Esquizoanálise, corpos sen órganos ou o teatro da crueldade que propoñen Deleuze e Guattari, Artaud ou o cinema de Godard.

Olholivre

Olholivre nace no 2007 con evocación transformadora no campo audiovisual dos movementos sociais. Auto-defínense como: un conxunto de relacións biopolíticas en torno aos procesos de produción semiótico-artísticos, onde conflúen artistas, comunicadoras e activistas no fluxo da tecnocultura audiovisual, criando rizomas que xorden desde a base social para diversificarse en múltiples transversais. Olholivre existe en base ás liñas forzas que lles conectan, como o desexo de produción comunitaria, o sofware libre como medio de produción, a lóxica autoformativa e por último a licencia copyleft. Esta escolla nace da fonda crenza de que cada produción transcende a súa autoría en aras dunha sedimentación, dunha metamorfose evolutiva que constitúen o magma do desenvolvemento colectivo do procomún (ese común de saberes que definen as culturas).

Plétora

Plétora é un proxecto editorial en Internet especializado en arte contemporánea. Nace da emerxencia de estimular o tecido cultural, en concreto o vencellado ás artes visuais en Galicia, como un exercicio que fomente a diversidade e a calidade dos contidos, á vez que aposta por un espectador que conte coas ferramentas adecuadas para interpretar e valorar as prácticas artísticas contemporáneas.

Universidade Invisíbel

A Universidade Invisíbel é un experimento no eido da produción institucional e cultural. Non tanto unha organización ao uso, a Invisibel defínese en termos de “rede de proliferación”; isto é, unha multiplicidade posta en común na forma dun corpo descentralizado, que coa vontade de experimentar coas formas da producción de saber e animar os debates críticos, coordina distintos proxectos de docencia alternativa, intervención artística e metropolitana, crítica institucional, activismo e experimentación epistemolóxica e conceptual. Actualmente a Universidade Invisíbel federa distintas experiencias, como por exemplo o Proxecto Derriba, a asociación Ergosfera, o biblioweb Caosmosis, o Teatro Resoante e a asociación Virus Hermenéutico.