08:11 Xoves, 19 de Setembro de 2019
Terra e Tempo. Dixital Galego de pensamento nacionalista.

19-10-2014

Verónica construíu un fermoso soño, unha elegancia que percorre en todos e cada un dos poemas, un oco para acubillarnos cando nos doa o día e a noite sexa unha continuación enfermiza das ausencias

Desterrada do meu corpo de Verónica Martínez Delgado: 360º de pel viva

Valorar (15)

LINO GARCÍA SALGADO


Din que as palabras non saben o mesmo se chove, din que as peles non viaxan co corpo se perden a visión das raíces.

Tocouche amiga Verónica e non por falta de méritos (xa sabes de sobra) senón por covardía de quen subscribe estas impacientes e perdidas verbas, coa escusa de non ser capaz de sobrevivir ao resultado, por ser, en definitiva, unha escuridade quitándolle sol ó teu fogar de principiño e mar de augas primíparas. Fai xa moito tempo desta historia, que aínda teño por contar, que escoitei e lin uns versos fermosos, uns versos de 360º como as verdadeiras figuras escultóricas, perfectas e racionais na tolemia. Desterrada do meu corpo é deses libros que viven con un ao longo do tempo, é esa forma inxenua e verdadeira de albiscar o mundo dos interiores expandíndose no máis afastado deserto en guerra.

A primeira sensación que podemos saborear é a de ter un libro que se adapta, incluso adopta, á propia persoa, un compendio de amables contrapuntos que non deixa indiferenza senón que expón unha profundidade que inclina o terreo cara a un plano chamado equilibrio. Cada verso, cada poema, desemboca nun nacemento, nun preciso sentido descuberto que nos permite camiñar entre as brumas dos alentos que se aledan, ten ese impacto tan visceral que deixa en carne o perfecto molde de fastío e continuísmo nos que carrexamos por veces o corpo, a mente e os sentidos. Esnaquiza esas febres imperturbables da altivez, da loita perdida dende a primeira palabra. Navegar nos océanos que habitan Desterrada do Meu Corpo é símbolo de liberdade, de paixón, de ser inconclusos e imperfectos, pero orgullosos desa dor chamada amor e lonxe de toda vinganza que só manca dentro de quen a sinte. Non hai maior éxtase que a elegancia de camiñar sobre os despoxos da pel, sobre as tépedas teas que descansan abatidas pola batalla no pasado, de facerse alma entre o corpo canso e ferido.    

Verónica Martínez Delgado

Os desterros son vértebras de papel engurrado de tantas formas acollidas, de tantas mutacións como bocaladas de aire teñen entrado e saído, eses son os ventres parturientes levándonos mar a dentro, lonxe/tan lonxe/da realidade, como di o seu primeiro poema. Non sabemos por decreto onde está a semente que nos ha de convencer, de agarimar até a rendición nin moito menos a que nos ha de librar das mareas mansas cómplices da borraxeira que nos mexe deixándonos átonos, simplemente alleos e imperceptibles, mortos á fin. Será paradigma das bágoas perdidas no horizonte acabar por ser eclécticos mais queda, sempre queda, un brillo autónomo que non se ha rexer polas normas senón que perseguirá sempre as estrelas do ventre ou os espasmos da pobre condición de querer.                            

Verónica construíu un fermoso soño, unha elegancia que percorre en todos e cada un dos poemas, un oco para acubillarnos cando nos doa o día e a noite sexa unha continuación enfermiza das ausencias.                    

Quixéchesme/tal e como era,/aínda sabendo/que me abrazaba/ás árbores.

Abrazándome logo ás árbores, Verónica, só me resta dicirche Grazas, por coidar da fantasía dos teus versos dende tanto tempo e por facer esa autopsia ao mar que tanto te mata, tan dentro de ti, tan fermoso, tan simple, levando esas lembranzas que aniñan para sempre na pel, no corazón.            

[Desterrada do meu corpo: a.c. amaía, colección letras de cal. reedición en poesiagalega.org. Arquivo de poéticas contemporáneas na cultura. <http://www.poesiagalega.org/arquivo/ficha/f/863>]



Engade o teu comentario:

Os campos marcados con* son obrigatorios.







© Fundación Bautista Álvarez de Estudos Nacionalistas
Terra e Tempo (ISSN 1575-5517)
Avenida de Lugo, 219, 1º, 15703 • Santiago de Compostela • Galiza
981 57 02 65 – info#code#terraetempo#code#gal

A Fundación recibiu unha axuda da Deputación da Coruña na convocatoria de 2018 para a mellora da utilidade de páxina web. Deputación da Coruña